Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta aproba novas medidas para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos empregados públicos


As funcionarias terán no embarazo un novo permiso preparto retribuído dende o primeiro día da semana 37 ata o día do parto

A Xunta de Galicia aplicará novas medidas que teñen por obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos empregados públicos da Administración autonómica. Estas medidas foron incluídas nas novas instruccións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas aprobadas esta semana na reunión do órgano de negociación coas organizacións sindicais.

Así, a Xunta de Galicia implantará un novo permiso preparto de carácter retribuído para as funcionarias durante o seu embarazo, que comezará o primeiro día da semana 37 do embarazo e se prolongará ata o día do parto. No caso de que o embarazo sexa múltiple, este permiso retribuído adiantarase á semana 35.

A Administración galega tamén posibilitará un permiso retribuído para que os empregados públicos que queiran poidan participar en procesos selectivos doutras administracións, mesmo fóra da Comunidade Autónoma. Esta medida ten por obxectivo garantir o seu dereito á promoción profesional, incluíndo ademais do día da realización da proba o tempo necesario para o desprazamento.

Ademais, os empregados públicos da Xunta de Galicia poderán solicitar a adaptación de xornada de traballo cando reciben un tratamento de radioterapia ou quimioterapia, o que vai facilitar a súa reincorporación ao posto de traballo. Esta adaptación poderá estenderse ata un mes desde a alta médica, e poderá afectar ata un 25% da duración da xornada diaria.

En todo caso, o permiso poderá ampliarse nun mes máis cando o empregado público xustifique a persistencia no seu estado de saúde das circunstancias derivadas do tratamento de radioterapia ou quimioterapia.

Finalmente, nas novas instruccións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas establécese que no permiso de lactación, os empregados públicos poderán facer uso deste permiso con independencia de que o outro proxenitor non traballe. Todas estas medidas foron aprobadas no transcurso da reunión da Comisión de Persoal celebrada esta semana en Santiago. Este é o órgano de negociación no que participan representantes da Administración galega e das organizacións sindicais.

Oferta de Emprego
Nesta reunión, tamén se aprobou a Oferta de Emprego Público (OEP) para 2016 no eido da Función Pública. En total, esta oferta de emprego conta con 714 prazas, o que supón máis do dobre que as ofertadas no ano anterior (373). A OEP de 2016 estará centrada en dúas grandes áreas, os servizos sociais e o servizo de prevención e extinción de incendios, que concentran o 75% da oferta deste ano.

No eido dos servizos sociais a OEP incluirá 318 prazas, das que 172 serán para promoción interna e 146 de acceso libre. A previsión da Xunta é convocar as oposicións antes do verán. E por vez primeira dende 2003 a Administración galega inclúe na oferta de emprego o servizo de prevención e extinción de incendios, con 218 prazas, das que 124 serán de acceso libre e 94 de promoción interna. A previsión é tamén convocar as oposicións antes do verán, e os exames serán en todo caso despois da campaña de verán para non interferir no dispositivo de loita contra os incendios da Xunta.

O resto da oferta correspóndense coa área de seguridade e saúde no traballo (22 prazas); os corpos de xestión, auxiliar e a Agrupación profesional do persoal funcionario subalterno (40 prazas) e outras 116 prazas de promoción interna para persoal funcionario, o que permitirá aos empregados públicos acceder a un posto de maior categoría sempre que reúnan os requisitos e superen o correspondente proceso selectivo.

Discapacidade
No total de prazas incluídas na OEP figuran 62 prazas reservadas para persoas con discapacidade. Desta cantidade, 46 prazas resérvanse para persoas con discapacidade xeral e 16 para persoas con discapacidade intelectual.